A Xunta acaba de publicar a concesión de 215.000 euros en axudas para garantir a estabilidade dunha programación profesional por parte deste tipo de locais
O tamén vigués Teatro Ensalle repite igualmente nesta listaxe xunto ao Teatro del Andamio e á Sala Gurugú da Coruña
Vigo, 1 de marzo de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou as instalacións da Sala Ártika en Vigo para coñecer da man do seu equipo o seu traballo cotiá de exhibición, formación e produción vinculado ás artes escénicas. Acompañado pola delegada territorial da Xunta, Ana Ortiz, e polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, o titular de Cultura do Goberno galego felicitounos pola súa traxectoria e destacou especialmente o papel deste tipo de espazos a prol da promoción do talento emerxente e da creación de públicos para as producións feitas na nosa Comunidade.
A Xunta de Galicia apoia economicamente este labor a través dunha convocatoria anual específica para salas de artes escénicas de xestión privada e capacidade máxima de 150 localidades, que en 2025 incrementou a súa dotación ata os 215.000 euros –un 7,5 por cento máis que en 2024– co obxectivo garantir a estabilidade dunha programación de carácter profesional por parte deste tipo de locais.
O espazo da Avenida de Beiramar é un dos catro subvencionados xunto ao tamén vigués Teatro Ensalle e os coruñeses Teatro del Andamio e Sala Gurugú. Os catro obteñen por sexto ano consecutivo estas axudas, en virtude das que integran a Rede Galega de Salas, un dos circuítos de artes escénicas promovidos pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Axuda máxima de 75.000 euros
Tanto Ártika como Ensalle reciben a axuda máxima de 75.000 euros establecida nas bases, mentres que Teatro del Andamio acada 38.439 euros e a Sala Gurugú, 26.560 euros. Estas contías destinaranse a gastos vinculados á contratación de espectáculos, servizos técnicos e auxiliares asociados, dereitos de autor, contratación de persoal, comunicación e publicidade, ademais de ata o 20% dos custos indirectos como alugueiros, subministracións ou gastos correntes.
Para a concesión destas subvencións, a comisión avaliadora tivo en conta a antigüidade da empresa, a capacidade do local e a súa pertenza á Rede Galega de Salas en 2024. O proxecto de programación, con aspectos como o número de funcións ou a contratación de compañías galegas, foron outras das cuestións valoradas, así como os plans de financiamento, de comunicación ou de creación de públicos.
Data de actualización: 01/03/2025